Rúa Estocolmo, 8
15707 – Santiago de Compostela
Tel 610 616 968 - 600 699 293
Hai unha semana, o
pasado 4 de marzo, esta Confederación enviou un escrito á Consellaría de
Educación, e tamén aos medios de comunicación, no que solicitabamos que
elaborasen instrucións claras a todos os centros escolares galegos sobre a
xestión das excursións ás zonas de risco de contaxio por coronavirus e sobre o
tratamento que se ten que dar ao alumnado retornado.
Tamén reclamamos
naquel momento que nesas mesmas instrucións se lembrara a importancia de
facilitar os cumprimento das medidas de hixiene, nomeadamente que se asegurase
a subministración de xabón nos baños para asegurar o lavado de mans, unha das
principais medidas que as autoridades sanitarias están reclamando da poboación.
A resposta da
consellaría de educación foi difundir a información sanitaria actualizada na
súa web a partir do día 5 de marzo, logo de que nós requirísemos que actuaran,
e ademais desculpar a súa inacción da seguinte maneira: “A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación,
recoñece a autonomía dos centros educativos, autonomía que debe respectarse
desde esta Consellería. Porén, debe indicarse que esta Consellería trasladou a
todos os centros as recomendacións das autoridades sanitarias, e se realiza un
seguimento de calquera incidencia que poida producirse ao respecto” (Resposta do
Secretario Xeral Técnico da Consellaría a esta Confederación o 6 de marzo de
2020).
Resulta evidente para todas as persoas que non estean
dirixindo a consellaría de educación que a autonomía dos centros educativos non
ten nada que ver coas alertas sanitarias que afectan a toda a poboación en
tanto cidadanía, non por formar ou non parte da comunidade educativa; así como
que as direccións dos centros educativos están perfectamente capacitadas para
ler por si propias as recomendacións das autoridades sanitarias, non é iso o
que se agarda das autoridades educativas.
Unha semana máis tarde, as instrucións requiridas dende
esta Confederación continúan sen chegar, en moitos centros educativos galegos
continúa sen haber xabón ou papel hixiénico nos baños do alumnado, hai centros
onde –malia a recomendación constante de suspender as viaxes por parte das
autoridades sanitarias- aínda se manteñen excursións en programa, tanto as que
están a facerse neste momento como as que teñen previstas para as datas
próximas; nun contexto de limitación constante de situacións de aglomeración de
persoas, non hai ningunha explicación sobre o que vai ocorrer nos centros
educativos, teñan o tamaño que teñan, porque hainos con aglomeracións de máis
de mil persoas, que ven sendo a cifra que o propio presidente da Xunta dá como
recomendábel para cancelar os actos públicos; non hai información de ningún
tipo que contribúa a tranquilizar á cidadanía.
Malia a sensación global de desatención que estamos
percibindo entre as familias, esta Confederación quere enviar unha mensaxe de
calma, de tranquilidade, e de confianza nas autoridades sanitarias; pero tamén pensamos
que debemos enviar unha mensaxe de requirimento
ás autoridades educativas para que manteñan unha constante información á
cidadanía, nomeadamente á comunidade educativa, sobre cales están a ser as
medidas que teñen previstas nos diferentes escenarios nos que podemos
atoparnos.
Cando toda a información publicada está dicindo que esta
situación reviste caracteres de gravidade, non podemos consentir das
responsables educativas que abandonen a súa responsabilidade, ou que se agochen
detrás da xeneralidade da información sanitaria. As autoridades educativas
galegas xestionan o día a día de miles de rapaces e rapazas, e indirectamente
inciden na vida cotián de todas as familias galegas; ninguén agarda que veñan
dese lado as recomendacións de saúde, pero todas as familias precisamos ter
unha consellaría de educación que funcione, que informe, que tome decisións
concretas sobre as situacións que están en debate, que responda dun xeito
uniforme en todo o territorio galego, que deixe de abeirarse nunha autonomía de
centros que non é aplicábel neste caso baixo ningún pretexto, e que demostre
que ten previsto, ata onde sexa previsible, que é o que se vai facer , e canto
diso está xa programado e preparado.
Un saúdo.
Compostela, na data
da sinatura dixital deste escrito
Fernando Lacaci Batres
Presidente da Confederación ANPAS GALEGAS
No hay comentarios:
Publicar un comentario